BOIRO> Gonzalo Caballero visitou esta mañá o Concello, dando así continuidade ós actos da súa precampaña. Alí alabou a xestión que está a realizar o alcalde, Xosé Ramón Romero, durante este ano á fronte do Concello. Poñéndoo como exemplo do bo facer dos gobernos socialistas.
O rexedor boirense aproveitou a visita para presentarlle ó candidato socialista o proxecto de construción da residencia de maiores. Unha actuación demandada dende hai anos para a que o Concello xa dispón dos terreos necesarios para poder levala a cabo na zona da Cachada.
O candidato socialista á presidencia da Xunta tivo tempo de realizar tamén unha visita pola ateigada rúa peonil e polo mercadiño ambulante e falar con simpatizantes e militantes da formación, algúns dos cales non dubidaron en fotografarse con el, e desexarlle sorte nos vindeiros comicios autonómicos do 12 de xullo.