Novo roubo nun establecemento comercial en Ribeira

RIBEIRA> Producíase esta pasada noite no estudo de fotografía e impresión Trazos, situado na rúa Pérez Galdós, nas inmediacións da praza do Concello. Os amigos do alleo accederon ó interior do local despois de romper un dos vidros da porta da entrada do comercio.

As imaxes que vén foron gravadas polas cámaras de seguridade do propio establecemento. Na escuridade da noite vese a luz da lanterna do presunto ladrón no interior da tenda. En menos dun minuto levou os cartos que había na caixa rexistradora e fuxiu. Esta mañá a súa propietaria facía reconto do material roubado antes de acudir á comisaría da Policía Nacional a efectuar a correspondente denuncia.

O ladrón accedeu ó interior do establecemento despois de romper un dos vidros da porta de entrada, de apenas uns trinta centímetros. Un modus operandi similar ó que se deu en outros negocios da zona que nas últimas semanas foron tamén obxectivo dos cacos. Uns feitos que están a provocar unha certa alarma entre os comerciantes, que piden maiores medidas de seguridade.

A Policía Nacional traballa xa na busca do posible ou posibles autores dos feitos. Todo apunta a que puidera tratarse da mesma persoa.