Noia prepárase para o San Marcos

    NOIA> O executivo noiés presentaba esta mañá a programación da feira cabalar. Da man da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, entidade organizadora, a feira de San Marcos de Noia chega este ano cun esquema similar ó desenvolvido en anos anteriores. A maioría das actividades organizáronse ó redor de dúas datas. A primeira delas o domingo 23 de abril, as cinco e media da tarde no Paseo Marítimo cunha exhibición de doma a cargo da Escola de Equitación ‘El Centauro’ de Valladolid. Aínda así o prato forte da feira terá lugar o propio día de san marcos, o martes 25 de abril. Ese día desenvolveranse os concursos morfolóxicos con importantes premios en metálico para cada categoría así como diversas exhibicións de doma e andadura. Dende o Concello pretenden darlle continuidade a unha vella tradición no municipio, que co paso dos anos está a volver a adquirir un gran protagonismo, sendo unha das feiras de cabalos máis importantes das que se celebran en Galicia na que chegan a participar preto dos cen exemplares. Á par da feira cabalar, desenvolverase tamén a feira de maquinaria agrícola e tamén un mercado tradicional na Praza do Curro para recuperar ese ambiente de antano.