O BNG de Ribeira denuncia o mal estado das Avenida das Carolinas e o Malecón

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira denuncia o mal estado de conservación da avenida das Carolinas e do Malecón, dúas das principais vías de acceso ó centro urbano. Xa que son titularidade de Portos de Galicia, esixen ó ente autonómico un maior esforzo no seu mantemento. No caso contrario, demandan a cesión ó concello. O paseo das Carolinas e a Avenida do Malecón presentan na actualidade un avanzado estado de deterioro no firme con fochancas que supoñen un risco para a circulación. Tralas demandas formuladas polo BNG, Portos de Galicia ten proxectada unha actuación de mellora a acometer antes do verán. Sen embargo, os nacionalistas entenden que as vías deben contar cun mantemento regular e non agardar a que os grupos municipais teñan que reclamar unha intervención. Así, lembran a Portos de Galicia a necesidade de cumprir coas súas obrigas. De non ser así, propoñen a cesión da titularidade ó concello de Ribeira que actualmente xa asume os custos de alumeado e limpeza das zona por ser de interese xeral.