O sector propón unha veda de corenta e cinco días para o polbo

    PORTO DO SON> As confrarías galegas traballan conxuntamente coa Consellería do Mar no deseño do plan do polbo para o presente ano. As federacións de Coruña e Pontevedra proponen unha veda de corenta e cinco días e a unificación dos topes en cincuenta quilos durante toda a campaña. Na reunión da comisión de seguimento para o plan de explotación do polbo, as federacións provincias da Coruña e Pontevedra propuxeron unha veda de corenta e cinco días que se iniciaría o dezanove de maio. Durante a xuntanza abordáronse un total de catorce puntos relacionados co réxime de calamento ou os topes para os que proponen un fixo de cincuenta quilos. Con respecto ó marcado das nasas, a maior parte do sector aposta por eliminar a obriga de identificalas unha a unha considerando suficiente a implantación do chip na cabeceira. Dende a Federación Galega puxeron sobre a mesa as conclusións derivadas dun seminario celebrado o pasado ano para implicar ó sector no deseño dunha pesqueiría tan importante para a pesca galega na que participan ó redor de seiscentas embarcacións, con capturas que roldan as mil toneladas de polbo e unha facturación de dez millóns de euros.