O BNG da Pobra preguntará no pleno sobre o futuro da piscina municipal

    POBRA> O BNG da Pobra levará a pleno unha pregunta sobre o futuro da piscina municipal. Critican a falla de xestión do goberno municipal por non ter buscado unha alternativa ante o inminente fin da prórroga do contrato coa actual adxudicataria. A finais deste mes vence a prórroga da concesión da piscina municipal. Malia que o executivo informou da súa intención de manter o servizo con total normalidade mentres non se convoca o novo concurso, o BNG dubida de que vaia ser así. Critican a falla de previsión e de xestión por parte do actual goberno que dispuxo de dous anos para estudar as posibles alternativas e ter resolta a nova concesión. Os nacionalistas demandarán en pleno información sobre as intencións do goberno con respecto a este servizo. Un servizo cuxo mantemento, lembran, supón un gasto moi elevado polo que deberían estudarse con detalle as distintas opcións para garantir a súa continuidade sen prexuízo para os usuarios.