Ribeira reivindicará o seu pasado mariñeiro cunha nova edición de Artemar

RIBEIRA> Aínda inmersa na Dorna e coas festas de verán á volta da esquina, Ribeira ultima xa os detalles dunha nova celebración. A Feira Mariñeira Artemar desenvolverase na capital do Barbanza entre o 15 e o 18 de agosto.

Ribeira segue a potenciar o seu vínculo co mar e a enxalzar a súa cultura mariñeira a través de diferentes eventos. Un deles é Artemar que tomará as rúas da vila entre o 15 e o 18 de agosto.

Máis dun cento de postos integrarán o mercado mariñeiro que se instalará na rúa peonil. Haberá varios espazos reservados para comerciantes e artesáns de Ribeira que se beneficiarán ademais dunha bonificación do 50 por cento.

Aumentan tamén os obradoiros infantís cun mínimo de 3 horas o xoves e 6 horas o resto dos días así como a animación de rúa e os espectáculos nocturnos.

A feira abrirá as súas portas o xoves ás seis da tarde. As outras tres xornadas o horario será de doce a tres e de oito a medianoite con posibilidade de ampliar ata as dúas da mañá a aqueles postos autorizados que así o soliciten.