Boiro Novo critica a xestión do goberno local en materia mediambiental

    BOIRO> Poñen como exemplo a perda das axudas do Plan de Impulso ó Medio Ambiente que promove o Goberno Central que lle permitirían ó Concello poder acceder ó financiamento de proxectos vinculados á reciclaxe de residuos dentro do ámbito local. Para Boiro Novo o impulso de accións en favor da mellora do medio ambiente e da integración de políticas de calidade ambiental debería ser unha das máximas de calquera Concello, de aí que decidirán presentar unha iniciativa plenaria a través da cal solicitaban a participación do municipio no Plan de Impulso ó Medio Ambiente do ministerio de Medio Ambiente. Pero a súa sorpresa foi maíscula ó comprobar como o goberno municipal deixara transcorrer o prazo da convocatoria e así perder a posibilidade de beneficiarse desta liña de axudas que incluía, entre outras, medidas para o fomento da compostaxe. Dentro desta convocatoria, as entidades locais, podían acceder tamén ó financiamento de proxectos vinculados á reciclaxe de residuos dentro do ámbito local como é o caso da recollida de aceite de cociña usado para destinalo á producción de biocombustible.