RIANXO> A actuación, con cargo ó POS do ano 2017 da Deputación da Coruña, permitirá a ampliación da rede de saneamento a estes dous núcleos da parroquia do Araño. As obras contan cun orzamento duns 72 mil euros.
Con máis dilatación de prazos do agardado, debido á nova Lei de Contratación, o executivo rianxeiro vén de adxudicar a ampliación da rede de saneamento nos núcleos de Traba de Arriba e a Veiga, na parroquia do Araño. A actuación, con cargo ó POS do ano 2017 da Deputación da Coruña, conta cun orzamento duns 72 mil euros e será realizada pola empresa Pavimentos Noia. A súa execución será inmediata.
A actuación permitiralle ó Concello seguir avanzando cara o saneamento integral do municipio. Segundo o alcalde o 95% das vivendas de Rianxo dispón na actualidade de acceso a este servizo, no que se investiron na presente lexislatura uns 700 mil euros.
O rexedor rianxeiro tamén se referiu a outra pequena actuación que vén de adxudicarse estes días. Neste caso trátase da mellora do parque infantil existente no colexio Castelao. A obra, adxudicada á empresa Jardincela por un importe duns 42 mil euros, responde a unha demanda de tempo por parte da comunidade educativa do centro.