Parte da oposición ribeirense presenta alternativas á designación dos festivos locais

RIBEIRA> A designación dos festivos locais en Ribeira segue a ser motivo de polémica. As agrupacións do BNG, IPdeR e a edil non adscrita, María José Brión, presentaron unha proposta alternativa á do goberno local.

A corporación ribeirense debaterá este luns a designación dos festivos locais para 2019. O executivo propón manter o 24 de xullo, día da Dorna, e recuperar o doce de setembro, Santa Uxía, co fin de conmemorar a festividade da patroa.

Sen embargo, os grupos do BNG, IPdeR e a edil non adscrita María José Brión propoñen o martes de entroido, cinco de marzo, en lugar da patroa. Segundo recollen no texto da emenda presentada, esta proposta foi consensuada con representantes da hostalería e do comercio. Pola contra, a asociación das amas de casa de Ribeira, unha das  máis representativas con mil douscentos socios, posicionouse abertamente a favor da patroa tras unha consulta informal entre os asociados.

A división social en torno á designación dos festivos fai augurar un tenso debate no pleno do próximo luns, cando os grupos deberán apoiar unha ou outra proposta.