Inicio inminente das obras do ascensor na Clínica Vella de Rianxo

RIANXO> O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, anunciou o inicio inminente das obras de instalación do ascensor na Clínica Vella. A actuación, xa adxudicada, está incluída no Plan Único da Deputación da Coruña cun investimento de preto dos sesenta mil euros.

Pouco a pouco o acondicionamento da Clínica Vella vai collendo forma. Un dos últimos atrancos veu propiciado pola tardanza na adxudicación da instalación dun ascensor que dará servizo a tódalas plantas do edificio. Un trámite xa resolto, polo que o Concello confía en que as obras dean comezo de inmediato.

Continúan a desenvolverse tamén no inmoble os traballos de acondicionamento do segundo andar, para emprazar alí a futura aula da escola de música e os locais de ensaio. Uns traballos que desenvolven os alumnos do obradoiro de emprego.

Dende o Concello confían en que as dúas obras poidan estar xa rematadas neste último trimestre do ano.