Villanueva traballará para recuperar proxectos pendentes

    VILAGARCÍA> Primeira comparecencia de José Luis Villanueva trala súa vitoria nas eleccións da Confraría de Carril. Villanueva, que estivo arroupado por algúns dos membros do seu equipo, asegurou que trala toma de posesión do 23 de xuño volverán traballar para sacar adiante algúns dos proxectos paralizados. Iso si, despois das tensións vividas, non agarda que o que queda de lexislatura transcorra de xeito pacífico. O vindeiro 23 de xuño, José Luis Villanueva recuperará o seu posto como patrón maior da confraría de Carril. Unha vez el e o seu equipo tomen posesión, a intención é retomar os proxectos paralizados, como o de mellora do sistema de vixilancia ou a compra de semente para o marisqueo a pé. Tralo conflito que provocou o seu cese e a posterior campaña electoral, o presidente dos parquistas non agarda que a que vén sexa unha lexislatura tranquila, aínda que tendeu a man aos que foron os seus opositores. Sobre a polémica levantada polo 2% que recibe a agrupación das vendas dos socios na lonxa, Villanueva defendeu que se empregan para cuestións relacionadas co funcionamento do ente, que moitas veces benefician á confraría. Outra das tarefas pendentes que terá o novo equipo é preparar a Festa da Ameixa da Carril. O futuro patrón maior criticou que os parquistas, como membros da comisión organizadora, non foran convocados ás reunións que xa se tiveron. Trala súa comparecencia, José Luis Villanueva tamén quixo lanzar unha mensaxe á Consellería do Mar, tras criticar que as eleccións do sábado non foron todo o democráticas que deberían.