Telmo Martín convertirase mañá en alcalde de Sanxenxo

    SANXENXO> Telmo Martín recuperará mañá o bastón de mando de Sanxenxo. O voceiro do Partido Popular volverá a ser alcalde tralo pacto asinado con tres dos edís de SAL, que deixará ao xa exrexedor Gonzalo Pita como único tenente de alcalde do novo bipartito. Onte Pita oficializaba a súa dimisión durante un pleno bronco tanto dentro como fóra do consistorio. Así informaba Gonzalo Pita do único punto do día que reunía onte ao pleno de Sanxenxo. Tralo acordo asinado co Partido Popular para devolver a alcaldía a Telmo Martín, o xa exrexedor aseguraba ter a conciencia limpa. Segundo Pita, este cambio permitirá conseguir máis proxectos e obras para Sanxenxo. O edil nacionalista David Otero acusouno de ególatra, presidencialista, mentiroso e desleal, e cualificou este cambio como unha “automoción de censura”. Para Coral González-Haba, exsocia socialista do tripartito os tres edís de SAL comparten o ADN co Partido Popular. De desleal tamén o cualificou o concelleiro non adscrito Roberto Carlos Agís, exmembro do cuatripartito que naceu das eleccións do 2015. Tampouco ocultou a súa decepción a edil de SAL contraria ao acordo co PP, Vanessa Rodríguez. Ante todas as críticas dos exsocios do cuatripartito, Telmo Martín foi o único valedor de Gonzalo Pita. O voceiro popular pediu respecto ao acordo acadado con SAL, e acusou a David Otero de ser o responsable de romper o tripartito. Mentres a tensión era palpable nas intervencións dos voceiros, fóra da casa consistorial numerosos veciños reclamaban poder entrar ao salón de plenos, pechado para controlar o aforo. A multitude increpou a Telmo Martín e a Gonzalo Pita cando abandonaron o concello, escoltados por axentes da Policía Local. Segundo anunciaron hoxe dende o concello, Martín será elixido mañá alcalde nun pleno extraordinario convocado para as 8 da tarde. Para evitar os problemas de aforon de onte, dende o Partido Socialista xa solicitaron que a sesión se traslade ao auditorio Emilia Pardo Bazán.