O BNG demanda a instalación de elementos de seguridade nas beirarrúas de Vilariño

    BOIRO> Transcorridos tan só uns meses da finalización das obras para dotar de beirarrúas a zona de Vilariño, o BNG de Boiro denuncia a falla de medidas de seguridade. Solicitan a dotación de pasos de peóns e a instalación de elementos de separación nos treitos máis perigosos. Co obxectivo de poñer fin á inseguridade que se segue a rexistrar neste treito da rede viaria, os nacionalistas levarán a pleno unha iniciativa para instar ó goberno a demandar da Xunta unha actuación máis completa. Piden que se instalen pasos de peóns e que se instalen varandas entre as beirarrúas e a estrada nos tramos máis perigosos, especialmente no paso baixo a ponte da autovía. Os nacionalistas critican a planificación das obras que tiveron como resultado a dotación de beirarrúas de xeito aleatorio entre unha e outra marxe da estrada sen unha senda peonil continuada que conecte os lugares de Vilariño e Carrofeito.