Noia solicitará a declaración de festa de interese turístico galego para a feira medieval

NOIA> O informe elaborado polo Concello será levado ó próximo pleno para a súa ratificación e así poder darlle traslado á Xunta.

A elevada afluencia de visitantes, a súa vinculación coa historia da vila e que leva máis de vinte anos celebrándose son algunhas das razóns que levaron ó Concello a presentar esta solicitude de festa de interese turístico galego para a feira medieval. A pesar de que era un idea que levaba barallándose dende hai tempo, traballando xa na recompilación de datos, non foi ata este ano cando se decidiu aspirar a esta declaración. E fíxose por unha razón fundamental, o cambio que se deu nos últimos anos de cara a promoción dos gremios intimamente ligados á historia da vila e tamén á súa condición de Portus Apostoli.

A idea pasa por levar o informe ó próximo pleno de febreiro para a súa ratificación por parte do resto de grupos con representación municipal e posteriormente poder trasladalo á consellería de Cultura para a súa aprobación. Un trámite que, no mellor dos casos podería estar xa concluído ó longo deste ano.

Esta solicitude non será a única. A concellería de Cultura traballa na elaboración doutro informe para conseguir tamén esta mesma declaración de interese turístico para a feira de San Marcos.