O Rei Felipe VI preside unha revista naval na ría de Pontevedra

MARÍN> Desfile de autoridades pola Escola Naval de Marín. O Rei Felipe VI presidiu a parada naval que esta mañá se celebrou na ría de Pontevedra; un dos actos centrais para conmemorar o 300 aniversario da Real Compañía de Gardamarinas. O monarca estivo acompañado polo seu pai, o Rei Juan Carlos, e pola Ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, entre outras autoridades. O Rei Felipe VI presidiu esta mañá os actos de conmemoración do 300 aniversario da Real Compañía de Gardamarinas. A cita comezou cunha parada militar, na que o monarca recibiu as honras de ordenanza dos buques participantes. Polas augas da ría de Pontevedra pasaron buques como o ‘Juan Carlos I’, a fragata ‘Santa María’, o buque de aprovisionamento de combate ‘Patiño’, o submarino ‘Tramontana’ ou o buque de acción marítima ‘Tornado’. Este último foi o que trasladou ao monarca durante a revista, acompañado polo seu pai, o Rei Juan Carlos , a ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, e polo Almirante Xefe de Estado Maior da Armada, almirante xeral Teodoro López. O acto continuou cara o mediodía, desta volta en terra e no patio da Escola Naval de Marín. Felipe VI pasou revista ao Batallón de Cabaleiros Alumnos e, trala Salve Mariñeira, celebrouse a homenaxe aos caídos. O desfile do batallón de alumnos e un desfile aéreo da Flotilla de Aeronaves da Armada pecharon o multitudinario acto, que deixou ver a numerosas autoridades na Escola Naval mariñense.