A Xunta refrenda o seu compromiso co parque Natural de Corrubedo

    RIBEIRA> O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta mañá o acto de conmemoración do 25 aniversario da declaración como parque natural deste espazo. Van alá 25 anos dende a sinatura do decreto polo que a Xunta de Galicia declaraba este espazo coma parque natural. Tempo máis que suficiente como para conmemorar tan significativa data, facéndoo coincidir ademais coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asi como tamén outras autoridades, como é o caso da conselleira, Beatriz Mato, ou o alcalde, Manuel Ruíz. Este último aludiu á importancia que ten para Ribeira o feito de poder contar cun Parque Natural como é o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. Na súa intervención o presidente da Xunta sinalou que a forma máis eficaz de protexer o patrimonio natural é que se coñeza, destacando o compromiso do Goberno Galego nestes anos en poñer en valor este tipo de espazos, impulsando os recursos e servizos necesarios para visitalos, elaborando e desenvolvendo unha programación de actividades e continuando coa súa promoción. Aproveitou ademais para anunciar que en setembro daranse a coñecer os resultados do estudo da evolución e uso público da duna de Corrubedo e de cara xa ó ano que vén está previsto que entre en vigor o Plan de Uso e Xestión deste parque natural.