O PP ve opacidade e posible clientelismo na misión comercial a México

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra non está satisfeito coa xestión que está a facer o goberno local da misión comercial a México. Trala comisión de Economía extraordinaria celebrada esta mañá, os populares acusan ao executivo de falta de transparencia. Unha falta de información que, aseguraron, podería ter detrás un caso de clientelismo. A reunión extraordinaria da comisión de Economía non despexou ningunha das dúbidas do Partido Popular. Tralo encontro, a formación acusaba ao executivo de falta de transparencia nas xestións da misión comercial que se desprazará ata México no mes de agosto. O presidente da comisión, o popular Rafael Domínguez, criticou tamén que non se aporten datos concretos das empresas que viaxarán, dos criterios de selección ou da axenda. Por iso acusou a Anabel Gulías de falta de experiencia. Pola súa banda, Anabel Gulías defendeu a postura do executivo. Segundo a edil, non se achegaron máis datos porque as conversas coas empresas aínda non están pechadas. A intención do executivo é que sexan vinte empresas as que acompañen á delegación pontevedresa, convidada para presentar o modelo urbano da cidade en México. A día de hoxe, Gulías asegurou que a visita espertou moito interese. Gulías tamén anunciou que o concello recibiu unha invitación da Comisión de Urbanismo do Senado de México para explicar o modelo urbano de Pontevedra. Un xesto que, para a edil, demostra que Pontevedra está no mapa.