Identificados cinco menores como presuntos autores de actos vandálicos en Noia

NOIA> A Garda Civil identificou a cinco menores como presuntos autores da queima de contedores na zona do paseo marítimo de Abruñeiras. A investigación tratará de determinar se teñen relación cos reiterados actos vandálicos que se veñen rexistrando na zona dende hai meses.

Esta fin de semana repetíanse os xa tristemente habituais actos vandálicos no paseo de Abruñeiras en Noia que se saldaron con varias luminarias rotas e mobiliario urbano queimado. Sen embargo, desta volta a colaboración veciñal permitiu identificar a cinco menores que fuxían tras prender lume a varios contedores.

Garda Civil e Policía Local iniciaron as oportunas pescudas para determinar se, efectivamente, se trata dos mesmos autores que en episodios anteriores de vandalismo acontecidos na mesma zona. Dado que son menores a responsabilidade de resarcir os danos causados á administración recaerá sobre os pais cos que o alcalde agarda ter unha próxima reunión.

Ademais de aboar a factura dos danos ocasionados, dende o concello apostan pola realización de traballos sociais para concienciar ós mozos da necesidade de respectar o patrimonio público.