O noiés Antonio Barreiro podería estar entre os falecidos do Argos Georgia

NOIA> Aínda que inicialmente se deu por desaparecido, todo apunta a que o noiés Antonio Barreiro está entre os falecidos do naufraxio do Argos Georgia. Á espera da confirmación oficial por parte das autoridades británicos, existen indicios sólidos de que o corpo do segundo enxeñeiro do buque foi recuperado xunto co resto das vítimas mortais.

A confusión e a falla de información que rodeou o naufraxio do Argos Georgia, dadas as circunstancias e a zona onde se produciu, fixo que nun primeiro momento Antonio Barreiro se dese por desaparecido. Na lista oficial proporcionada pola delegación do goberno en Galicia cos superviventes e os falecidos non figuraba o nome deste veciño de Noia.. Sen embargo, semella que o seu corpo podería estar entre os nove cadáveres que si puideron ser recuperados tralo afundimento.

Dende o concello prefiren ser cautelosos á espera de que o goberno británico confirme a identidade das vítimas mortais ás que se lles está a practicar a autopsia. Un proceso que podería prolongarse ata dúas semanas.

De confirmarse que un dos falecidos é Antonio Barreiro, serían tres os mariñeiros galegos mortos no naufraxio. Non pode engadirse aínda a esta lista o nome do ribeirense Juan Antonio García ‘Pichón’ que permanece aínda desaparecido.