RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de sacar a licitación o contrato para o equipamento do ximnasio da Fieteira. Substituiranse 69 máquinas das áreas de musculación e de exercicio cardiovascular a través dun servizo de renting.
Ribeira avanza na mellora das súas instalacións deportivas coa renovación do equipamento do ximnasio da Fieteira. Farao a través dun contrato de alugueiro orzamentado en 190 mil euros cunha vixencia de 48 meses. Ademais do arrendamento das máquinas inclúe o seu mantemento.
Esta renovación vense sumar a outros importantes investimentos que está a realizar o executivo ribeirense en materia deportiva como a nova envolvente dos vestiarios do campo de fútbol da Tasca, en Aguiño, e a renovación dos de Oleiros e Carreira onde tamén está proxectada a mellora integral da grada cuberta.











