Música rock e unha andaina, novidades das Festas de Meis

    MEIS> O concello de Meis prepárase para arrincar con forza o mes de xullo. O municipio celebrará por todo o alto as festas de San Bieito, e entre o día 1 e o 11 acollerá a décima feira labrega, o primeiro festival BeniRock e o día máis agardado polos meisinos: a vixésimo sétima edición da Festa dos Callos. A música, as actividades para os máis cativos, procesións e misas tampouco faltarán nun programa máis que variado. Do 1 ao 11 de xullo o concello de Meis celebrará por todo o alto as festas de San Bieito. A programación arrincará o sábado 1 coa actuación do monologuista Isi. O día 2 toma o relevo unha das citas xa tradicionais: a Feira Labrega, que este ano cumpre a décima edición. Ademais da exposición de fotos antigas, este ano a organización incorpora unha novidade: haberá máis representacións teatrais e un grupo de regueifas amenizará a xornada. Pero esta non é a única proposta diferente a outros anos. O programa inclúe a primeira edición do Beni Rock, un festival de música rock que se celebrará o día 7 no campo da feira de O Mosteiro. Unha iniciativa que conta coa colaboración de varios hostaleiros do concello. O día máis agardado das festas chegará o domingo. Despois de que o sábado o protagonista sexa San Cristobo, o día 9 de xullo celebrarase a vixésimo sétima edición da Festa dos Callos. A organización preparará a mesma contía que en anos anteriores. Tamén manterá os prezos. Outra das citas máis populares, a BTT que se celebra o día da Festa dos Callos, estrea este ano a modalidade de andaina, para que sexa máis accesible a todos os públicos.