Cambados solta globos brancos contra a droga

    CAMBADOS> Os “Panos Brancos contra a droga” axitáronse esta mañá dende o concello de Cambados. A vila acolleu o acto da Fundación Galega contra o Narcotráfico, que reuniu a numerosos veciños e autoridades na praza do concello. Coa lectura dun manifesto, a solta de globos brancos e a sinatura dunha bandeira branca, amosaron o seu rexeitamento ás drogas. Globos, bandeiras, manifesto e ata música. Todo uniuse en Cambados para dar forma á celebración do acto Panos Brancos contra a droga, organizado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico. A cita, que este ano coincidiu co Día Internacional contra a Droga, arrincou ás 11 da mañá coa lectura dun manifesto, que seguiron decenas de veciños que se achegaron ata a Praza do Concello. Nos actos tamén participaron os nenos que asisten ao campamento de verán organizado polo concello. Eles foron os encargados dunha solta de globos brancos. Tamén asistiron como representantes do futuro, e do importante que resulta a prevención na loita contra as drogas. O concello tamén despregou unha gran bandeira branca, na que ademais os asistentes plasmaron as súas sinaturas e desexos para esta loita contra as drogas. A proposta da Fundación Galega contra o Narcotráfico contou co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, polo que moitos concellos penduraron tamén unha bandeira branca das súas fachadas.