Máis dun cento de exemplares participarán no XVII Concurso Nacional Canino de Porto do Son

    PORTO DO SON> Os mellores cans de toda Galicia daranse cita este domingo en Porto do Son, onde se celebra a décimo sétima edición do Concurso Nacional Canino. A xornada previo terá lugar un monográfico sobre o dogo alemán con máis de cincuenta participantes. O Concurso Nacional Canino é xa un clásico no programa de eventos estivais de Porto do Son. O sábado, a explanada portuaria acollerá a segunda edición do monográfico sobre o dogo alemán. Dará comezo ás once e media coa entrega de documentación e as finais desputaranse a partir das tres e media da tarde. Contará con cincuenta e cinco participantes procedentes de España e Portugal. O domingo tocaralle a quenda ó concurso nacional no que participarán cento vinte exemplares caninos de máis de sesenta razas. Ás nove e media iniciarase a entrega de documentación e os controis veterinarios para comezar cos xuízos ás dez e media da mañá. Pola tarde, terán lugar as finais de grupos e a gran final da que sairán os gañadores. Os primeiros clasificados en cada unha das razas, obteñen puntos para Mellor Can do Ano en Galicia e unha puntuación Especial para ‘Campión Galego 2017’. As razas con maior representación nesta edición serán o Labrador Retriever e o Bulldog Francés, seguido de Bulldog Inglés, Can de Agua Español e Schnauzer Miniatura Blanco.