O concello de Rianxo colle as rendas da Festa da Xouba

    RIANXO> Rianxo acollerá o día 23 de xullo a festa da xouba. A intención do concello é manter a exaltación dun produto tan típico da vila a pesar do escaso rendemento económico que deixa na confraría. Aínda así, o pósito e a patronal local colaborarán na organización da degustación. A festa da xouba de Rianxo acada este ano o seu 25 aniversario. Aínda que se celebrará por todo o alto, a exaltación non está exenta de polémica dada a reticencia de confraría e empresarios a organizala. A ARE renunciou a xestionala pola falta de subvencións para sufragala e dende o pósito aluden ó escaso beneficio que deixa este recurso posto que os xeiteiros optan por vender noutras lonxas. Dende a directiva da confraría fan un chamamento ó sector do xeito para colaborar na mellora da comercialización e conseguir que os beneficios dunha pescaría tan senlleira repercutan en Rianxo. Pola contra, o concello ten clara a súa aposta pola degustación deste produto que define boa parte da esencia de Rianxo. Por esta razón, apelan á implicación patronal e do sector hostaleiro para aunar esforzos e conseguir a súa declaración como festa de interese turístico.