A Mesa pola Sanidade Pública de Rianxo buscará mellorar os servizos sanitarios no concello

RIANXO> Rianxo celebrará este xoves día 9 a primera xuntanza da Mesa local pola Sanidade Pública. O obxectivo é analizar a situación do concello en materia sanitaria e dar resposta a varias necesidades como a reapertura do centro de saúde de Taragoña ou a apertura do PAC de Rianxo en quenda de tarde.

A primeira xuntanza da mesa local pola Sanidade Pública de Rianxo, na que ademais da corporación estarán representados os sindicatos e entidades sociais e empresarias do municipio, pretende analizar a situación dos servizos sanitarios do municipio anticipándose ós problemas que poidan xurdir ás portas do verán cando a falla de persoal afecta á calidade da asistencia sanitaria.

Ademais do incremento de persoal facultativo no centro de saúde de Rianxo, dende o concello consideran necesario abrir unha quenda de tarde para o servizo de Urxencias.

Tamén abordarán a reapertura do centro de saúde de Taragoña, pechado dende o inicio da pandemia, o que ocasiona numerosos prexuízos para os seus preto de 3000 usuarios que deben desprazase para calquera consulta ou proba médica.

Coa xuntanza prevista para este xoves ás oito da tarde, que agardan sexa a primeira de moitas, o concello busca tamén dar resposta á difícil situación do persoal sanitario que ademais da sobrecarga de traballo debe, en ocasións, sufrir o enfado dos pacientes ó non poder prestarlle a asistencia axeitada.