A XXII edición da Regata Galatea volverá a Boiro

BOIRO> Xa van alá vinte e dous anos. A Regata Cruceiros Hotel Galatea volve este ano ca forza de sempre. O Club Náutico de Portonovo organiza este evento, que se disputa esta mesma fin de semana, e o Concello de Boiro non quixo faltar a esta cita. Suma sete anos consecutivos participando na proba, xa que ademais de apoiar o deporte, a regata serve tamén para atraer ó turismo. A regata sairá dende Portonovo o sábado ás dúas e media da tarde, e chegará a Boiro pola media tarde, para saír o domingo ás doce da mañá e voltar o punto de saída. Dúas etapas que suman case cincuenta millas náuticas percorrendo as rías de Pontevedra e da Arousa. Estímase que participen preto de vinte e cinco embarcacións, que se dividen en catro categorías. Unha delas, a clase Solitario e A dous, clasificatoria para o Circuíto Galego de Vela. Unha cita que conta novamente co patrocinio do Hotel Galatea e Conservas Pescamar. A entrega do Trofeo Pescamar terá lugar o domingo, ás sete e media da tarde, en Portonovo.