A Festa da Ameixa de Carril, pendente da decisión de Portos

    VILAGARCÍA> Continúa o cruce de acusacións entre o concello de Vilagarcía e a Confraría de Carril. Esta tarde, o patrón maior valorou o encontro mantido onte en Ravella. Para José Luis Villanueva, a actitude do goberno local foi decepcionante e vergoñenta, e teme que esta situación poña en perigo a consideración de Interese Turístico de Galicia. Agora a organización está pendente da decisión de Portos de autorizar ou non a celebración. A reunión do lunes en Ravella só serviu para alonxar aínda máis as posturas de Confraría e Concello. Para o Patrón Maior, foi un fracaso, que ve como un ataque á organización da Festa da Ameixa e ao pobo de Carril. Para Villanueva, coa súa actitude o alcalde busca culpalos dun erro do seu goberno. Ademais, asegurou temer que esta situación poña en perigo a consideración de Interese Turístico de Galicia da Festa da Ameixa. Iso si, non se plantexan mudar a cita de data. Denuncian, ademais, que no encontro non se valoraron as súas propostas, que pasaban por pedir apoio externo para poder celebrar a festa a fin de semana do 19 e 20 de agosto, e por manter unha reunión a tres bandas con Portos de Galicia na procura dunha solución. Villanueva tamén acusou ao goberno local de non apoiar a Festa da Ameixa. O patrón apuntou que este ano conta cun orzamento de máis de 110.000 euros sen axudas municipais. O ano pasado, a achega local foi só de 3.500 euros. Pola contra, o Festival das Revenidas, asegurou, recibiu 17 mil. Sobre as declaracións da voceira do goberno, para Villanueva son unha mostra de que xa no mes de xaneiro non contaran coa Festa da Ameixa, xa que decidiran celebrar tanto As Revenidas como o Combate Naval na fin de semana do 19 e 20 de agosto.