A Festa do percebe de Aguiño repartirá máis de mil quilos de marisco

    RIBEIRA> A confraría de Aguiño ultima os preparativos da festa do percebe que se celebrará o día 23 de xullo. Tan só queda por anunciar o nome do ‘percebeiro de honra’, distinción que o concello de Ribeira propuxo recuperar este ano. Máis de mil quilos de percebe. Esta é a previsión que manexa a confraría de pescadores de Aguiño para a festa que terá lugar o sábado día 23. Habilitarase unha carpa na explanada portuaria onde os asistentes poderán degustar, ademais do percebe, produto estrela, cachelos e empanada. A ración de aproximadamento trescentos cincuenta gramos terá un custo de catorce euros e virá acompañada dun agasallo conmemorativo. Coa celebración desta vixésima edición retómase unha festa que o ano pasado sufriu un parón por mor do enfrontamento aberto entre as confrarías de Aguiño e Ribeira pola explotación do banco do Carreiro. Superado o conflicto a festa celebrarase con total normalidade co obxectivo de seguir promocionando o principal recurso do pósito aguiñense. Na próxima semana farase público o nome do ‘percebeiro de honra’, unha distinción que pretende recoñecer o labor dos profesionais deste difícil e arriscado oficio. Ademais da degustación que dará comezo a mediodía, a festa contará coa animación de grupos de gaitas e pandereteiras durante toda a xornada.