O lixo segue a acumularse a carón dos contedores

    MUROS/NOIA> As eivas no servizo de recollida de lixo nos concellos da Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza continúan para desesperación dos veciños. As desavinzas entre FCC e a Mancomunidade de Municipios Serra do Barbanza, entidade que xestiona a planta de recollida de lixo de Lousame, que empregan, ademais deste último municipio outros concellos coma o de Muros, Porto do Son ou Noia, están a crear novos problemas no servizo de recollida de lixo. Non era un problema novo. As constantes avarías nos vehículos que a empresa utiliza e que non poden realizar a súa tarefa, están a provocar que o lixo se acumule de xeito notable a carón dos contedores. A situación está a provocar un gran malestar entre os veciños destes concellos, que non entenden as razóns que se están a dar para xustificar esta situación. Temen que se produza un problema grave de saúde pública, máxime coas altas temperaturas destes días Algúns grupos políticos como é o caso do Partido Popular de Muros estánse a facer eco desta problemática. A súa voceira Inés Monteagudo vén de esixirlle á Mancomunidade do Barbanza e tamén ó propio goberno municipal que adopten as medidas urxentes necesarias que permitan terminar dunha vez por todas cos problemas que existen no servizo de recollida de lixo do municipio. Tamén a Marea de Noia lle solicitou ó alcalde que se decrete unha intervención temporal para garantir a salubridade das rúas ata que se arranxen os camións e así, na fin de semana, na que a vila celebra ademais a súa feira Medieval, non se acumulen máis lixo.