POBRA> O goberno da Pobra porá en marcha un plan económico de medidas fronte ó COVID-19. A intención do executivo é proporcionar axudas directas a tódolos negocios que se viron obrigados a pechar.
O concello da Pobra contribuirá á reactivación do tecido económico local a través dunha liña de axudas directas a todas aquelas empresas que se viron obrigadas a pechar durante o estado de alarma.
Á espera de cuantificar os beneficiarios destas axudas e o importe global que podería financiarse con cargo ó remanente de tesourería, o concello anunciou tamén outra liña de axudas a pemes e autónomos para a adquisición de material de protección.
Súmanse a estas propostas outras medidas xa adoptadas polo goberno local como a eliminación das taxas das terrazas para aliviar a presión económica sobre a hostalería ou unha subvención nominativa á confraría de pescadores.