RIANXO> As confrarías de Rianxo e Vilanova solicitarán unha xuntanza coa Conselleira do Mar para trasladarlle a necesidade de tomar medidas con respecto ó libre marisqueo. Apostan polo peche anticipado dos bancos do Bohído e Cabío.
O peche anticipado do libre marisqueo volve enfrontar ás confrarías de Arousa. Mentres Rianxo e Vilanova consideran urxente que se peche xa a campaña para comezar a tomar medidas, outros pósitos como a Pobra defenden a necesidade dos seus mariscadores de seguir faenando.
Trala xuntanza mantida esta fin de semana na que non foron quen de chegar a acordo, os patróns maiores de Rianxo e Vilanova decidiron solicitar unha xuntanza coa Consellería na que as distintas confrarías poidan expoñer a súa postura.
Teñen claro que a solución do libre pasa por mellorar a produtividade xa sexa a través do reparto dos bancos como dun plan de xestión conxunta
Dende Rianxo insisten en que as medidas a adoptar deben decidirse xa co fin de non hipotecar futuras campañas ante unha merma da produción que vai a máis.