A Feira do Libro de Rianxo suma nesta edición cinco novos participantes

    RIANXO> Este xoves inaugúrase a Feira do Libro de Rianxo. Ata o domingo, achegará a veciños e visitantes as últimas novidades literarias cun desconto do dez por cento. Haberá ademais diversas presentacións de libros e numerosas actividades de animación á lectura. Nesta quinta edición, a feira do Libro de Rianxo aumenta en cinco o número de participantes, cun total de once casetas. Ós libreiros súmase un expositor da Deputación da Coruña e outro da biblioteca de Rianxo que acollerán numerosas actividades, encamiñadas principalmente ó fomento da lectura. A inauguración, prevista para o xoves a mediodía, contará coa actuación de Cé orquestra pantasma e a lectura do pregón a cargo da escritora María Canosa. Entre as numerosas presentacións de libros previstas durante toda a feira destaca a da biografía de Manuel Antonio a cargo de Luís Axeitos que terá lugar o venres ás nove da noite. O concello de Rianxo programou ademais diversas actividades culturais coincidindo coa celebración desta feira e da festa da xouba que terá luga ro domingo. Unha delas será o concerto de Treixadura, o sábado a partir das once da noite. Ademais dos sorteos de douscentos exemplares, este ano como novidade realizarase un sorteo entre tódolos participantes dunha estancia nun hotel do grupo Caldaria. Ademais da colaboración dos libreiros e das administracións públicas, dende o concello quixeron agradecer o apoio da empresa Cortizo, un ano máis, a esta feira do libro.