VILAGARCÍA> Un día despois de asinar o acordo co PSdeG para a apoiar os orzamentos de Vilagarcía, o BNG defende que as súas achegas poñen as persoas no centro e definen o modelo de cidade. Aínda que lamentan que a aprobación das contas chega tarde, reivindican que son máis sociais e cun potente capítulo de investimentos no que o rural tamén vai estar moi presente. Dos proxectos salientan o primeiro compromiso para a rehabilitación do balneario da Compostela para a súa transformación nunha escola de hostalería.
Din os nacionalistas de Vilagarcía que os orzamentos da cidade chegan tarde, na recta final do ano. Pola contra celebran que as súas achegas van supoñer unhas contas máis sociais, que apostan pola cultura e con máis investimentos realistas por toda a cidade.
As contas acadan os 39,4 millóns de euros. Salienta o acordo acadado no capítulo de investimentos con tres millóns de euros. Actuacións non moi grandes, explican, pero moi demandandas pola veciñanza das distintas zonas do concello.
Entre as actuacións, un primeiro paso para a rehabilitación do balneario da Compostela co acordo entre BNG e PSdeG de que se converta nunha escola de hostalería.
Ademais, como medida estrela, un gravame ás vivendas de uso turístico para tentar poñer couto aos elevados alugueiros na cidade.
E aínda que son conscientes de que hai cousas aínda pendentes do acordo orzamentario do 2024, poñen xa a vista no 2026. No acordo asinado cos socialistas xa se plasma o compromiso de aprobar as contas do ano que vén no primeiro trimestre.











