RIBEIRA> A ría de Arousa será escenario da terceira das probas que compoñen a Triple Coroa Illas Atlánticas. Máis dun cento de deportistas percorrerán a nado os vinte e oito quilómetros que separan a illa de Sálvora de Vilagarcía. A máis longa e tamén a máis esixente polas condicións meteorolóxicas e o tamaño da ría, a máis grande de Europa. Esta é a carta de presentación da travesía entre Sálvora e Vilagarcía que supón a última das probas enmarcadas na Triple Coroa Illas Atlánticas, precedidas pola desenvolvida en 2015 entre Ons e sanxenxo e a do ano pasado que partía das Cíes con chegada a Baiona. Máis dun cento de nadadores participarán na proba que partirá de Sálvora o día dous de setembro. Durante o percorrido haberá seis puntos de avituallamento e numerosas embarcacións de control para garantir a seguridade de tódolos participantes. A chegada está prevista á praia de Compostela, en Vilagarcía. No caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, deseñouse un percorrido alternativo con saída e meta neste areal pasando pola Illa de Arousa. Tódolos participantes que completen as tres probas recibirán un diploma da traslatio xacobea mentres que os gañadores desta última proba recibirán como trofeo unha moeda exclusiva acuñada pola Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla. Nomes tan destacados como Hugo Riveiro, Rebeca santos o Sergio Torres competirán nesta proba que destacará ademais pola súa vistosidade descubrindo os segredos de Sálvora, unha das grandes descoñecidas do Parque Nacional. Embarcacións tradicionais acompañarán ós nadadores e será posible seguilos dende terra en puntos como a ponte da Illa. A organización fai un chamamento á asistencia para seguir esta proba. Finalizada a competición os participantes disfrutarán ademais dun amplo programa de visitas guiadas pola zona.
Inicio Barbanza - Muros - Noia