NOIA> Cumpríronse os peores presaxios e a campaña marisqueira de Noia non se prolongará máis aló de dúas semanas. A xunta xeral decidiu parar a actividade o próximo xoves; incluso antes se comezan a baixar os prezos. As boas cotizacións foron o único motivo de ledicia dos traballadores ó longo desta semana aínda que o escaso cupo fai inviable a actividade.
Ante esta situación, a confraría solicitará á Xunta unha xuntanza con representantes da empresa responsable da presa do Tambre á que tamén asistan os alcaldes e os patróns maiores da ría.
Esixen un protocolo para que a apertura da presa se realice de xeito paulatino e sen coincidir coa baixamar posto que a baixada de salinidade provocada polos últimos vertidos está detrás da morte de máis do 80 por cento do recurso que implicará unhas perdas de 14 millóns de euros.
A confraría traballa xa na solicitude de axudas compensatorias aínda que estiman que tan só chegarán ó 70 por cento dos mariscadores afectados.