Un edil do PP increpa a Rafa Domínguez para frear unha discusión co alcalde durante o pleno

PONTEVEDRA> A tensión volveu marcar o pleno ordinario de Pontevedra. Hoxe a crispación acadou o seu momento álxido nun punto no que, a priori, non se debatía nada novo: a aprobación definitiva dos orzamentos do 2025. O líder do PP, Rafa Domínguez, atacou aos socialistas falando de corrupción. Comentario que indignou ao PSOE que reclamou unha rectificación. Finalmente o enfrontamento estendeuse ata rematar nunha discusión entre Domínguez e o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores.

Un punto que semellaba de trámite na orde do día do pleno de Pontevedra rematou por converterse no de maior tensión de toda a sesión.

As tres forzas debatían sobre a aprobación definitiva dos orzamentos do 2025, despois do rexeitamento ás alegacións presentadas. Foi a quenda do líder do Partido Popular, Rafa Domínguez, a que prendeu a chispa.

A referencia molestou e moito ao Partido Socialista. Xa rematado o debate sobre o orzamento, Iván Puentes pediu a palabra al alcalde por alusións. Esixiu a Domínguez que rectificara.

Domínguez recoñeceu que non lle constaba ningún caso de corrupción no PSOE pontevedrés pero comezou a enumerar as investigacións abertas a membros do partido a nivel estatal. Ante esta situación, o alcalde decidiu pechar o debate. O que non gustou, desta volta, ao líder do PP.

A discusión estendeuse pola sala ata que finalmente foi Martín Martínez, edil do PP, quen increpou a Domínguez para poñer fin á escena.

Como estaba previsto, o orzamento municipal para este 2025 foi aprobado cos votos a favor do BNG e do PSOE. As contas ascenden inicialmente aos 98,6 millóns de euros e inclúen actuacións como o parque da Parda ou a renaturalización do río Gafos.