A Deputación achega 8000 euros para a Romaría Viquinga

Pontevedra> A presidenta da Deputación de Pontevedra asinou esta mañá un convenio de colaboración co alcalde de Catoira. Un convenio de 8 mil euros que ten como fin impulsar a Romaría Viquinga deste concello, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto. 8000 euros, esa é a achega que a Deputación de Pontevedra lle realiza ao concello de Catoira para a celebración da Romaría Viquinga o vindeiro 6 de agosto. O convenio ten como obxectivo sufragar gastos derivados da organización da festa, declarada de interese turiístico internacional no 2002. Dende a área de Cultura e neste ano do Patrimonio tamén realizaron a súa achega particular a esta Romaría, unha obra de teatro, concretamente A louca historia de Galicia de Fulano, Mengano e Citano. Pola súa banda, o alcalde de Catoira agradeceu esta colaboración e aproveitou a ocasión para adiantar parte da programación. Alberto García adiantou que cinco días antes da festa desenvolveranse actividades culturais entre as que destaca a mostra de teatro afeccionado ou o premio de teatro do que sae a obra que cada ano se representa en Catoira. O alcalde lembrou que o concello de Catoira é pequeno pero que está presente no itinerario cultural do Consello de Europa, sendo o único concello de España que está integrado nesta ruta, a segunda en importancia despois do Camiño de Santiago.