Os vándalos estragan o valado da senda do Umia

    RIBADUMIA> O concello de Ribadumia denuncia estragos na senda do Umia. Esta mañá, o goberno local e camiñantes atopábanse coa varanda da entrada dende a ponte de Cabanelas completamente arrincada. Os feitos xa se puxeron en coñecemento da Garda Civil. Esta mañá, Ribadumia amencía cunha desagradable sorpresa. Todos os valos que marcan unha das entradas á senda das marxes do Umia, dende a ponte de Cabanelas, foran completamente arrincadas. Non é a primeira vez que os vándalos danan o mobiliario urbano do concello. Un dos últimos episodios produciuse a semana pasada, cando actuaron sobre o alumeado. Os feitos xa foron denunciados ante a Garda Civil, que esta mañá achegouse ata o lugar para comprobar o sucedido, que conta co rexeitamento de todos os veciños. A intención do goberno local é que xa mañá comecen os traballos para repoñer os valos nos seus lugares canto antes.