BOIRO> A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego vén de requirir ó concello de Boiro documentación relativa á obras que se está a executar ó carón da igrexa de Abanqueiro.
Trala alarma social xerada por esta construción, Apatrigal realizou unha análise sobre os traballos que se están a levar a cabo, concluíndo que existen indicios razoables de que incumpren o marco normativo tanto no aspecto urbanístico como patrimonial.
Dado que se trata dunha contorna moi sensible e de gran valor patrimonial, a escasos tres metros dun templo románico, urxen unha revisión da licenza.
Solicitan ó concello unha copia do expediente municipal e do informe de Patrimonio e demandan unha inspección inmediata por parte do arquitecto municipal para comprobar se as obras se axustan ó proxecto presentado e á licenza concedida.