PONTEVEDRA> A comarca de Pontevedra está mergullada tamén na voráxine da convocatoria electoral. Trala pegada de carteis da medianoite, as formacións teñen por diante quince días para convencer á cidadanía de que lles dea a súa confianza para gobernalos nos vindeiros catro anos. Nos concellos de Pontevedra, Poio e Barro, todos prazas do BNG, os nacionalistas aspiran a manter o bastón de mando. Só Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, ten maioría absoluta.
Nos concellos de Pontevedra, Poio e Barro preséntanse un total de 17 candidaturas.
Na capital de provincia, a veciñanza poderá escoller entre 9 papeletas. O BNG aspira a manter a alcaldía de Miguel Anxo Fernández Lores, que no 2019 con once edís quedou a dous da maioría absoluta. Os nacionalistas gobernaron co Partido Socialista, que este 2023 estrea candidato con Iván Puentes e agardan mellorar os catro concelleiros que teñen na actualidade. Como alcaldable do PP repite Rafa Domínguez, que no 2019 conseguiu 9 edís. Volve presentarse Ciudadanos, que intentará recuperar con David Díaz un posto no pleno. Vox liderado por José Manuel Torres pelexará unha vez máis para entrar na corporación. Ademais, catro partidos aparecen no escenario político. Son Espazo Común, encabezado por María Rey, Pontevedra Alternativa, con Carlos Fontán, Podemos, que se presenta en solitario e liderado por María Luisa Lores, e Pacma, con Alberto de Salazar.
En Poio, sábese que a alcaldía estará ocupada por unha nova cara trala anunciada marcha do nacionalista Luciano Sobral. Marga Caldas é a súa sucesora, que intentará manter a alcaldía para o BNG. Os cinco concelleiros que conseguiron no 2019 permitíronlles gobernar cos 3 do Partido Socialista, formación que tamén estrea alcaldable: Gregorio Agís toma o relevo de Chelo Besada. Pola súa banda, Ángel Moldes, do Partido Popular, agarda conseguir a maioría absoluta que lle permita gobernar Poio. Quedou a un concelleiro nas anteriores eleccións. A cuarta forza que entra en liza é Movemento X Poio. Volven presentarse desta volta con Borja Burgos como alcaldable.
En Barro, o BNG intentará manter a maioría absoluta que Xosé Manuel Fernández Abraldes conseguiu no 2019 con seis concelleiros. José Sanmartín repite tamén como alcaldable do PSOE, disposto a mellorar o resultado das anteriores eleccións nas que quedaron con tan só un edil. Quen estrea candidato é o Partido Popular. Preséntase con Eduardo Ruadas á fronte, co que aspiran a recuperar a alcaldía. Como novidade, Xuntos por Barro, formación que naceu trala marcha de José Antonio Landín do PP. O propio Landín encabeza a candidatura.