O PP de Poio propón reforzar os transportes públicos como o bus e o taxi para potenciar a vila

POIO> O partido popular de Poio desprazouse esta mañá en minibús por todo o concello para dar a coñecer as súas propostas para mellorar o transporte público da vila. Os populares propoñen tres cambios: Aumentar as frecuencias na PO 308, crear unha liña entre as parroquias e potenciar o servizo do taxi.

En vistas ás vindeiras eleccións municipais do 2023 os diferentes partidos políticos van presentando o seus programas. En Poio, dende o Partido Popular consideran que para potenciar a vila é importante mellorar o transporte público e para iso propoñen tres medidas. A primeira e mellorar o servizo de autobuses da PO 308.

Outra das medidas é crear unha liña entre as parroquias para facilitar o desprazamento da veciñanza a calquera punto do concello.

E o último dos piares é a potenciación do taxi. Con medidas como aumentar as sinalizacións, mellorar o servizo de radio taxi e dar bonificación aos veciños para que utilicen o taxi.

Dende o partido popular consideran que estas actuacións son fundamentais para mellorar a eficiencia do transporte público da vila. A súa proximidade con Pontevedra tamén invita a tomar estas medidas xa que cada vez as vilas restrinxen máis o tránsito de vehículos privados. A formación de Moldes tamén propón facer probas gratuítas do servizo e así comprobar a súa eficacia e demanda por parte da veciñanza.