POIO> A Policía Local de Poio tramitou máis de 300 denuncias por incumprir o confinamento durante o estado de alarma. Así o confirmou esta mañá a concelleira de Seguridade Cidadá. Marga Caldas fixo un balance das actuacións emprendidas nos últimos meses e agradeceu a cidadanía o seu comportamento exemplar.
Durante o estado de alarma, a Policía Local de Poio tramitou un total de 333 denuncias por incumprir o confinamento. Os axentes realizaron tamén controis a máis de 6.000 vehículos e identificaron a máis de 2.500 persoas. Ademais, o corpo de seguridade municipal tivo un importante papel informativo respondendo todas as dúbidas dos veciños.
Con estes datos sobre a mesa, a concelleira de Seguridade Cidadá quixo poñer en valor esta mañá o bo comportamento por parte da veciñanza de Poio durante o estado de alarma.
A pesar do comportamento exemplar da veciñanza, Marga Caldas fixo fincapé na importancia de non baixar a garda de cara á nova normalidade.
O Concello de Poio agarda que nas vindeiras semanas se acheguen ata o municipio unha gran cantidade de turistas. Co obxectivo de evitar rebrotes e previr a propagación do virus, o goberno local asegurou hoxe que, se é necesario, volverán a tomar medidas para garantir a seguridade dos seus veciños.