A Deputación pavimentará varias rúas na contorna da praza do concello de Ribeira

    RIBEIRA> A Deputación da Coruña inviste máis de cento setenta mil euros na pavimentación das rúas Rosalía de Castro, Galicia e Cristóbal Colón en Ribeira. Estas actuacións, que veñen de ser publicadas no Boletín oficial da Provincia, enmárcanse no Plan Único da Deputación. Os traballos consistirán na substitución do actual pavimento de aglomerado asfáltico por firme de formigón e lousas de granito na rúa rosalía de Castro e Cristóbal Colón mentres que no caso da rúa de Galicia procederase ó adoquinado. O prazo de execución é de cinco meses a partir da adxudicación. Esta é unha das trece obras que a institución provincial financiará no concello de Ribeira onde investirá 1’4 millóns de euros na mellora de infraestruturas municipais. Destacan, entre outras, a creación dun parque infantil nos Muíños, a mellora dos aseos na biblioteca municipal, acondicionamento dos campos de fútbol de Aguiño, Carreira, Oleiros, o polideportivo de Artes ou a pista de atletismo na Fieteira. Ademais destas actuacións, o Plan ünico destinará cento corenta e dous mil euros para reducir a débeda do concello.