BARBANZA> O doutor Ignacio Melero recolleu o Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal polo seu traballo no campo da inmunoterapia. Tamén resultou galardoado na categoría de Talentos Emerxentes,o xefe do grupo de investigación oncolóxica Ciberonc, Arkaitz Carracedo.
O Hostal dos Reis Católicos en Santiago acolleu a pasada tarde a entrega do Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal. Nesta decimo segunda edición o galardoado foi o doutor Ignacio Melero pola súa investigación en inmunoterapia mentres que Arkaitz Carracedo fíxose coa distinción de Talentos Emerxentes.
O acto contou coa presenza do presidente da Xunta quen agradeceu o firme compromiso de Ramiro Carregal a través do seu labor de mecenazgo nesta e noutras iniciativas que redundan en beneficio de toda a sociedade. Alfonso Rueda destacou ademais os numerosos avances no ámbito da prevención e os tratamentos oncolóxicos sendo Galicia pioneira na aplicación dalgunhas terapias personalizadas contra o cancro.
O encargado de entregar os premios foi o propio Ramiro Carregal quen agradeceu o gran labor dos profesionais na loita contra o cancro e manifestou a súa intención de seguir a fomentar a investigación nesta e noutras ramas sanitarias.











