Os mariscadores noieses en pé de guerra contra o Intecmar

NOIA> Ó redor duns douscentos produtores concentrábanse esta mañá diante da lonxa en Testal para protestar polo retraso na entrega dos resultados das analíticas. Din que a situación está a causar graves prexuízos ás máis de mil cincocentas familias que viven directamente do marisqueo nesta Ría.

Fondo malestar no seo do pósito noiés. Esta mañá ó redor duns douscentos mariscadores concentrábanse diante da lonxa de Testal, a pé de porto, para protestar polo retraso na entrega das analíticas por parte do Intecmar o que lles está a prexudicar á hora de poder saír a mariscar, coas correspondentes perdas que isto acarrea.

As protestas van tamén noutra dirección e culpan ó pósito de non tomar cartas no asunto e non defender os intereses dos seus socios coma deberan.

Tampouco entenden que non se dea algún tipo de axudas para eses días non que non se pode saír a traballar.

Cada xornada de peche supón unha perda duns 200 mil euros. Unha cantidade o suficientemente importante para unha comarca como a noiesa, na que o marisqueo é un dos principais motores económicos.

A título persoal, os membros de Plademar tamén tomaron parte na convocatoria, volvendo a reiterar as súas queixas sobre o mal funcionamento do Intecmar.

O Intecmar avanzaba a media mañá que abría a zona 1 e 3 da Ría, mantendo o peche cautelar na zona 2 para mañá. Algo que o sector non entende ó considerar que os niveis de toxina están moi por debaixo do límite establecido. Á espera de cambios nas próximas horas, a Confraría xa lle anunciou ós socios que mañá sairán a traballar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí