O deporte noiés vólcase coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva

    NOIA> Noia acollerá este sábado o Primeiro Campionato Individual de Cross Training de toda Galicia. Esta competición ten carácter solidario posto que tódolos fondos recadados destinaranse á Asociacións Galega de Heteroplasia Progresiva Ósea. Este sábado terá lugar o primeiro campionato Crossfit Vila de Noia, un deporte en auxe que xa conta cunha ampla representación na comarca. Esta modalidade deportiva mestura exercicios de halterofilia, metabólica e ximnasia de alta intensidade. No campionato que terá lugar o sábado daranse cita os participantes clasificado a través dunha primeira fase realizada online. As probas presenciais terán lugar en varios puntos do municipio. Máis alá da vertente deportiva, destaca deste torneo a súa vertente solidaria. Tódolos fondos recadados destinaranse á Asociación de Heteroplasia Progresiva Ósea fundada por Edu Agraso e a súa muller co fin de conseguir financiamento para investigar esta rara doenza que sofren as súas fillas. Ademais deste campionato deportivo nos últimos meses estanse a desenvolver numerosos actos solidarios en favor desta entidade que busca concienciar a dar visibilidade a esta e a outras enfermidades raras que carecen de medios para a súa investigación.