As confrarías da ría de Muros-Noia volven esixir un protocolo de baleirado de encoros

NOIA> As confrarías da ría de Muros Noia volven solicitar á Xunta a elaboración dun protocolo de baleirado dos encoros. O exceso de auga doce tralas precipitacións acumuladas nos últimos días provocou a mortaldade de máis do 70 por cento do berberecho na zona intermareal do banco da Misela.

A acumulación de precipitacións durante semanas unida ó baleirado da presa do Tambre coincidindo coa baixamar tivo como consecuencia a alta mortaldade de marisco en Testal. O banco da Misela, na zona onde traballan as mariscadoras a pé, estímase que morreu máis do 70 por cento do berberecho e o 20 de ameixa mentres que as concesións de a flote resultaron menos afectadas.

A este respecto, os patróns maiores das catro confrarías da ría de Muros Noia veñen de manter unha xuntanza na que acordaron volver insistir ante a Xunta de Galicia sobre  necesidade de establecer un protocolo de baleirado de encoros, que levan anos reclamando.

Con esta situación, a agrupación de mariscadoras a pé vai celebrar unha asemblea para decidir se pechan ou retoman a actividade. O colectivo de a flote volverá ó traballo a principios de marzo, coa vista posta no ceo.