Portos tirará un tabique da lonxa de Ribeira para aumentar a sala de subhastas

    RIBEIRA> Transcorridas dúas semanas dende a posta en marcha da lonxa de Ribeira, realizaranse as primeiras modificacións para adaptarse ás demandas dos usuarios. Portos asumirá o derrube dun tabique para unificar dúas salas de subhasta de xeito que vendedores e compradores dispoñan de maior espazo. Tanto a xerencia como Portos de Galicia decidiron darlle un marxe de quince días á nova lonxa para detectar as necesidades operativas derivadas da súa posta en funcionamento. A principal é a falla de espazo nas salas de subhastas polo que se procederá á unión de dous módulos a través da supresión dun tabique habilitando unha sala modular. Trátase dunha actuación viable a nivel estrutural e cun custo non moi elevado polo que se acometerá de xeito inmediato. Ó tempo que se executa esta actuación, Portos de Galicia está a rematar o acondicionamento dos accesos e o peche do recinto así como os axustes no subministro de auga salgada. Son detalles derivados do normal funcionamento da infraestrutura que teñen xurdido noutras lonxas da comunidade polo que o balance dende a súa posta en marcha é moi positivo tanto para a empresa adxudicatario como para as administracións. Por outra banda, o director de Portos informou de que rematado o prazo para a presentación de ofertas para a explotación do restaurante da lonxa, o concurso quedou deserto. A administración aumentou dez días de prazo por se algunha empresa se interesa. De non ser así, planteará unha rebaixa das taxas.