As novas instalacións do CR Cabo de Cruz serán unha realidade a partir de 2018

BOIRO> A actuación, unha obra amplamente demandada, terá un custe próximo ó millón de euros. Será sen dúbida a obra estrela para a vindeira anualidade, dando resposta ademais a un vello compromiso do actual equipo de goberno. Segundo o alcalde, Xoán Xosé Dieste, para poder levala cabo foi necesario saldar antes numerosos atrancos, entre eles a redución do deslinde de Costas ou a aprobación do Plan de Usos das instalacións portuarias. A obra, cun custe que se achegará a preto dun millón de euros, virá a satisfacer as necesidades dunha entidade, como é o Club de Remo Cabo de Cruz, das máis senlleiras da localidade e tamén unha das que maiores éxitos deron ó deporte local nestes últimos anos. As novas instalacións, cuxo inicio das obras podería iniciarse nun prazo duns cinco meses, incluirían uns novos vestiarios, un ximnasio, un moderno foso e tamén un almacén para material e vehículos.